Thursday 25 de April de 2024

Cargan recibos á veciñanza desde o Concello sen notificar a que corresponden


– A veciñanza, tras varias solicitudes de información, puido saber que o Concello estaba a incumprir as súas propias normas e que estaba a pasar agora ao cobro as taxas polas actividades municipais do curso 2021/2022, nun só cargo e sen previo aviso.

– Chega a darse o caso de que se pase ao cobro a taxa a persoas que causaron baixa naquelas actividades e non desfrutaron das mesmas.

– Confírmase a incapacidade manifesta do goberno municipal para organizar estas actividades, despois de que as do curso 2022/2023 tiveranse iniciado máis de 2 meses máis tarde do previsto.

Veciñas e veciños de Culleredo espertaron no día de hoxe cunha sorpresa na súa conta bancaria. Un cargo descoñecido do Concello de Culleredo do que non foron informados previamente, sen especificar do tipo de taxa ou imposto do que se trata. Tras varias solicitudes de información puideron saber que as taxas cobradas correspondían ás actividades municipais do curso 2021/2022. O Concello incumpriu coas súas propias normas e, no canto de cobrar as taxas correspondentes a estas actividades en periodos trimestrais durante a duración do curso, fai agora un cobro único, pasado case un ano do fin das actividades. Ao BNG acudiron veciñas e veciños preocupados por este cargo bancario, chegando a darse casos do cobro a persoas que causaran baixa naquelas actividades e que non desfrutaron das mesmas.

A incompetencia manifesta do goberno municipal para organizar estas actividades quedou xa de manifesto cando, entre excusas, non foron quen de iniciar as actividades de 2022/2023 en tempo e forma, seguindo o calendario que o mesmo Concello publicaba no inicio do proceso. As actividades que deberían ter iniciado a inicios de outubro non comezaron ata mediados do mes de decembro, provocando un desprezo absoluto ás familias e persoas maiores que teñen nestas actividades oportunidades para a socialización ou a conciliación familiar. Como era fácil prever, o proceso ordinario de asignación de prazas rematou cunhas 400 prazas vacantes.

Agora podemos comprobar ademais, que a xestión económica deste proceso é igualmente nefasto. As familias que pagaron agora a taxa correspondente ás actividades do curso 2021/2022 non foron avisadas previamente dos cambios na modalidade de pago, nin do pago a través dun único cargo nin da data prevista para o cobro, impedindo calquera planificación no caso de ser precisa. O mesmo leva acontecendo desde hai meses no cobro das taxas do Conservatorio municipal, o cal a Asociación de Nais e Pais do centro leva advertindo nos últimos tempos. Ademais de non poder saber cando se lles van a pasar as cotas correspondentes ao cobro a través das súas contas bancarias, en moitos casos, levan gran parte do curso abonando taxas por clases que o alumnado non recibe.

O BNG de Culleredo reclama ao goberno municipal unha maior seriedade na xestión destas actividades formativas e de lecer, e un maior respecto polas familias e persoas usuarias das mesmas.